‘Praza Siro’ de Agustina Shuan
Técnica: Dixital
Para esta homenaxe quixen dedicar unha praza do humor arredor da súa figura, facendo referencia a unha das súas obras máis coñecidas: a Praza do Humor da Coruña.
O que máis me chamou a atención do traballo de Siro foi tanto a súa traxectoria xornalística e de humor gráfico como a idea que propuxo para o deseño desta praza. O humor gráfico é unha forma de expresión artística moi accesible, que pode achegar á xente á reflexión social e política. Por iso paréceme especialmente interesante que Siro utilizase o espazo público para dar a coñecer e poñer en valor o traballo doutros artistas e humoristas gráficos que tiveron unha grande influencia, tanto na súa obra como na cultura galega.

Agustina Jouandon @agustinashuan (Bos Aires, Arxentina, 1988) é deseñadora gráfica e creadora visual, especializada en ilustración, cerámica e xoiería.
Tras formarse en deseño gráfico en Bos Aires, viviu en Suecia, onde traballou en proxectos relacionados co deseño e o urbanismo. En 2016 instalouse en Galicia para continuar a súa formación en cerámica na Escola de Artes e Oficios de Vigo.
Desde entón desenvolve o seu traballo de maneira independente, colaborando en proxectos editoriais, festivais e iniciativas musicais, entre outros, desde a súa base en Santiago de Compostela. A súa obra inspírase principalmente na figura feminina, na natureza e nas escenas da vida cotiá que a rodea.

