‘Son eu!’ de Santy Gutiérrez
Técnica: Dixital
Siro e mais eu compartimos oficio nas páxinas dos xornais, e quixen mostrar as dúas versións dunha personaxe icónica na caricatura política: a súa e a miña, pero a mesma personaxe á fin. Como sucede co famoso meme de Spiderman, as dúas versións recoñécense.

Non son consciente de ter escollido ser ilustrador, pero non lembro ter sido outra cousa.
Na Idade de Pedra pintaría bisontes na cova en vez de saír a cazalos, pero como vivo na era da tecnoloxía puiden colaborar con todo tipo de clientes nacionais e internacionais e crear ilustracións para campos moi diversos, desde o editorial ata o audiovisual, pasando pola publicidade ou o deseño téxtil. Fun directivo da AGPI e da FADIP, fundei un estudio colaborativo e participei en ducias de obradoiros, charlas e xurados.
Levo tres décadas como profesional e aspiro a seguir exercendo o máximo tempo posible, porque esta profesión permitiume viaxar, coñecer xente extraordinaria e deixar a miña pequenísima pegada no mundo.

